O Centro galego de Zug “ A Nosa Terra” foi fundado no ano 1991. Naceu da necesidade de ter un espazo que nos achegara á nosa terra a pesar da distancia física, un lugar común onde poder desenrolar as nosas actividades sociais e culturais. Nese intre o cantón de Zug contaba con 625 residentes galegos.

Ata o ano 1995 non dispuxemos dun local propio, mais isto non supuxo impedimento  para crear o grupo folclórico “A Nosa Terra”, así como tamén un equipo de fútbol, co mesmo nome.

O 15 de Xuño do ano 1996, despois de moitas fatigas e estreiteces económicas, inaugúrase este local, en Sumpfstrasse, Steinhausen, grazas a xenerosa participación económica e os traballos realizados polos socios, isto segundo palabras do que foi presidente dende os comezos ata o ano 2011, o Señor Pedro Hombre Pombo, Socio nº-1 e alma deste Centro.

No ano 2000 un novo cambio de local, viñemos para Cham, onde estivemos ata o 2007. E foi nese mesmo ano no que tornamos a Steinhausen, nun local novo, amplo e axeitado para as nosas necesidades, un lugar onde poder desenrolar a nosa labor, tanto cultural como lúdica.

Sempre que as circunstancias o permitiron, impartíronse cursos de galego, alemán, informática, cociña…e conferencias de diversos temas, aínda que sempre relacionado co mundo da emigración, o retorno, a vellez, etc.

O día Das Letras Galegas, a Romaría, o xantar social de fin de tempada son datas que están presentes no noso calendario e que se viven dunha maneira máis especial.